Quen Somos

Carmela e Chusa<br />
Milhulloa

Un proxecto de referencia: feminista, rural, sostible e transformador

Milhulloa é unha pequena cooperativa galega que cultiva, transforma e comercializa plantas medicinais ecolóxicas desde hai máis de 20 anos.

Está formada por Chusa Expósito e Carmela Valiño, dúas mulleres con moito empuxe que teñen unha capacidade envexable de enfrontarse ás dificultades de forma creativa, e sempre dispostas a aprender e a colaborar con outros proxectos.

Ademais de cultivar, contan cunha planta de secado, que utilizan a unha temperatura moderada para conservar todos os principios activos e as propiedades de cada planta.

No proxecto inicial, a clientela principal ían ser os laboratorios. Con todo, tiveron que descartar esta opción polos baixos prezos. Cando asumiron o envasado e a distribución, apostaron polas tendas de proximidade e o quilómetro cero como parte da súa filosofía de desenvolvemento local e sostible, descartando a distribución en grandes superficies.

Nos últimos anos lanzaron unha liña de produtos de cosmética ecolóxica, en intercooperación con Granxa Maruxa, que produce leite ecolóxico e está situada na súa mesma comarca. Para esta nova aventura empresarial obtiveron financiamento a través de crowfunding, coa pre-venda dos seus produtos.

O proxecto de Milhulloa é un referente no ámbito dos emprendementos de mulleres no medio rural e cunha aposta clara pola sustentabilidade.

Carmela e Chusa<br />
Milhulloa

Un proxecto colectivo e horizontal

Milhulloa optou pola fórmula de cooperativa de traballo asociado, un modelo de base democrática e igualitaria. O feito de levar adiante o proxecto desde a filosofía da cooperación e como un proxecto colectivo axudoulles a sosterse.

Por exemplo, no que respecta á motivación, comprobaron que cando unha decae, a outra tira e así van avanzando. “Eu se estivese soa, derrubaríame. Tanto entre nós mesmas como con outras produtoras, unidas volvémonos moi creativas ante cada dificultade”, trasládanos
Carmela.

Un proxecto a medida das suas socias

Milhulloa é un cooperativa auto-construída a medida, como unha alternativa laboral no medio rural. Non só proporciona ás súas socias un medio de vida, senón que o fai dentro do campo profesional no que Carmela e Chusa querían desenvolverse, os ámbitos da bioloxía e a farmacia, que foron os seus espazos de formación universitaria.

O proxecto tamén responde a outros obxectivos non económicos, entre outros:
• A súa aposta pola sustentabilidade ambiental, incluíndo a recuperación de especies botánicas en perigo de extinción.
• A posta en valor das plantas medicinais como patrimonio material e inmaterial das súas nais e avoas.
• A procura de condicións de traballo compatibles con outros ámbitos da vida.
• A construción dun modelo económico transformador, baseado en fórmulas cooperativas.
• O traballo en rede, con outros proxectos rurais e coa economía social galega, buscando provedoras e alianzas con outros proxectos que tamén comparten os seus valores.

As instalacions

Ademais das terras de cultivo, que son 10 hectáreas, contan cunha pequena industria, nunha nave dividida en catro espazos: unha sala de selección, unha cámara de secado, unha sala aséptica de envasado e unha oficina.

A cámara de secado ten capacidade para 150 ou 200 kg de planta aproximadamente. Funciona con enerxía eléctrica, polo que para optimizar os custos é conveniente enchela: isto inflúe no plan de traballo de colleita, xa que se fai nas quendas xustas para encher o secadeiro.

Para optimizar o investimento, complementan as plantas de primavera e verán, que son a maior parte das medicinais, coas plantas de inverno, como o grelo.

secadoiro-milhulloa

Secadoiro

Apostando polo traballo en rede

Dentro da fotografía actual de Milhulloa é necesario destacar a súa permanente orientación a traballar en rede.

O seu secadoiro tamén foi construído con redes. Neste caso, redes de pesca. E esas redes simbolizan ben a súa orientación aberta e colaboradora:
• Desde o inicio, fixeron aceites aromatizados para o veciño balneario Río Pambre.
• Optimizan as súas instalacións secando algas e pementos doutros proxectos innovadores que tamén xorden no rural galego.
• Forman parte das redes de cooperativas e economía social. Xunto con outras 14 entidades, foron fundadoras da sección galega de Coop57, onde colaboran de forma activa. Tamén impulsaron a plataforma Ben Mercado, o marketplace da economía social e solidaria de Galicia e forman parte da cooperativa de consumo de enerxía renovable Nosa Enerxía.
• Constituíron a empresa Muuhlloa, para lanzar, xunto con Granxa Maruxa, unha liña de cosmética ecolóxica.
• Non desaproveitan ningunha oportunidade para apoiar a outros proxectos similares ao seu: por exemplo, cando a Televisión de Galicia fixo unha reportaxe polo seu 20 aniversario, realizaron unha demostración de cocción dos grelos deshidratados. E nela aproveitaron para dar publicidade aos produtos do cooperativa Tres Fuciños, de cría de porcos de raza autóctona, tamén con criterios de sustentabilidade ecolóxica.

 

Datos de Contacto

Tel. 620 78 36 82

Lugar Coto, 1

27204 Palas de Rei, Lugo