A Ulloa

A Comarca da Ulloa (Lugo) está formada por tres municipios (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei) e ubicada no centro xeográfico de Galicia, en proceso de ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu interese cultural e ecolóxico. A Comarca da Ulloa está, ademais, atravesada polo Camiño de Santiago, cruceiro de culturas e historias persoais que permean este territorio dende tempos inmemoriais.

Estes factores permiten entender o importante patrimonio ecocultural que posúe a comarca, tanto material (en forma de patrimonio románico ou de castros que lembran o pasado celta do territorio) como inmaterial (provinte do seu pasado agrario e que se traduce, por exemplo, na Feira de Santos celebrada cada mes de novembro dende hai 800 anos e considerada unha das feiras máis importantes do país).

Todo esto fai da Comarca da Ulloa un territorio atractivo, orgulloso da súa historia rural e reivindicativo da preservación da tradición ao mesmo tempo que se actualiza para adaptarse aos novos tempos. Exemplo desto último son os numerosos proxectos asentados na comarca e que dende hai anos sentan as bases dun modelo de convivencia e desenvolvemento comunitario baseado na agroecoloxía, os coidados, o feminismo ou a diversidade sexual e de xénero.

Arqueixal, Parada das Bestas, Granxa Maruxa, Sen Máis, Milhulloa, Filla das Fadas, Casa de Ribeiras e Agrocuir son exemplos de todo isto, iniciativas todas elas que traballan a prol da xeración de proxectos ilusionantes que creen oportunidades de vida dignas e que sexan compatibles coa necesaria sustentabilidade ambiental. E proxectos todos eles cos que Milhulloa comparte principios e valores e cos que dende hai anos traballamos cooperativamente.

Na Comarca da Ulloa temos xente que atesoura coñecementos campesiños acumulados ao longo da historia. Temos xente con ganas de participar en procesos de transformación social. Temos xente con ganas de atopar traballo en tarefas e ámbitos que contribúan ao desenvolvemento do territorio que habita.

“Algo pasa na Ulloa”, decimos. A sensación de que algo latexa na Ulloa que a fai distinta é unha sensación que flota na nosa atmosfera e que probablemente teña moito que ver coas persoas que habitan este territorio e os proxectos transformadores que estas poñen em marcha.

Datos de Contacto

Tel. 620 78 36 82 - 646 56 91 26

milhulloa@hotmail.com

Lugar Coto, 1

27204 Palas de Rei, Lugo